Hoxe o alumnado de 5º e 6º de Primaria recibiu unha visita moi especial: a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, tivo a amabilidade de acceder á nosa petición de facerlle unha entrevista.
Os nenos e nenas de 5º curso preparamos as preguntas que nos gustaría facerlle e ela contestounas de forma moi sinxela para que todos poidéramos entendela.
Agora tócalle ao alumnado de 6º curso elaborar o texto que sirva para subir á Galipedea a nosa entrada sobre a alcaldesa. Porque este era o motivo da entrevista: coñecela e dar a coñecer aos demais o noso traballo.
Como en cursos anteriores, 5º e 6º son os encargados de crear un artigo na Galipedia sobre unha persoa de renome, ou unha asociación de Moaña que o mereza e que non teña ainda artigo creado.
Este curso consideramos que o feito de ser a primeira muller alcaldesa na historia do concello era motivo dabondo para facelo.
Ao final do encontro a alcaldesa felicitounos pola facilidade coa que falamos en galego. Aconsellounos que non perdéramos o hábito de falar en galego porque é a maneira de seguir coñecendo a nosa cultura. Tamén nos dixo que o feito de poder falar as dúas linguas ( galego e castelán ) nos axuda a aprender con máis facilidade outras linguas.
As titoras queren felicitar ao alumnado polo ben que o fixeron.
No hay comentarios:
Publicar un comentario